O día 24 de xuño deste ano, a unha hora aínda imprecisa e nun lugar ben preto de Compostela, daráselle á que vos escribe a encomenda de seguir os pasos e imitar o traballo das miñas compañeiras bispas da Asociación de Mulleres Presbíteras (ARCWP), á que xa sabedes que pertenzo, exercendo o servizo como presbítera na Comunidade do Home Novo, na Coruña, desde hai máis de dez anos.

Está a medrar o número de persoas que nos chaman desde Europa, e precisábase alguén para acollelas, acompañalas no camiño e na formación e tamén, se chegase o momento, para ordenalas. Serei bispa, mais cumprirá explicar que dun xeito ao que non estamos afeitas. Alí veredes, se vides!

Ese día convídovos a acompañarnos: á comunidade coruñesa, á comunidade inclusiva de presbíteras, ás nosas bispas —virán tres das fundadoras, dúas do Danubio— e a esta servidora, que forma parte de Irimia desde hai tamén moitos anos.

Convídovos a vir pregar e celebrar connosco que o Materno Espírito abre camiños novos onde parecía non haber, desbroza vellas corredoiras e dá azos para seguilos.

Faríame sumamente feliz ver os vosos benqueridos rostros entre a xente, ver os vosos sorrisos e escoitar as vosas voces. Compartir a comuñón e o amor da terra e da súa xente. A celebración farase en varios idiomas, sendo o galego a lingua principal.

Por diversas razóns, sobre todo de espazo e seguridade, será indispensable anotarse previamente.

Apertas con amor e en comuñón con todas e todos vós.