Festa do Lume 2021: A COVID-19 manda (segue mandando)

A directiva de Irimia, á vista da situación epidemiolóxica e a evolución que se agarda -cando menos até finais da primavera- non convoca a Festa do Lume 2021. Adíase a Asemblea da Asociación ao verán, concretamente ao sábado 10 de xullo de 2021.

Aproveitaremos tamén este tempo tan especial para iniciar un proceso participativo de discernimento e revisión sobre o quefacer de Irimia, un proceso do que vos manteremos informados/as. Con respecto á Romaxe, a intención é manter para 2021 a convocatoria en Arzúa. Confirmaremos.

Festa do Lume 2021: A COVID-19 manda (segue mandando)

Irimia e o Consello da Cultura Galega acordan dixitalizar o fondo documental da Asociación

Despois de varias xuntanzas preparatorias, estase a ultimar un convenio de colaboración entre o CCG e Irimia para a recuperación, clasificación e dixitalización dos fondos documentais da Asociación ao longo dos seus corenta anos de historia.

Iso supón un esforzo polas dúas partes. É moito o material dispoñible, agora disperso, referido ás Romaxes, á revista, ás xuntanzas en diversos formatos (cruceiros, irimianzas, festas do lume, asembleas), publicacións propias, etc. O resultado final de todo o traballo formaría parte dun repositorio dixital accesible para o público en xeral. Sería logo unha pequena achega para esa memoria colectiva de Galicia que, afortunadamente, se está a construír.

logo consello da cultura galega
Facemos un chamamento aquí, con esta nota de Bea a de Estrella, en nome da directiva de Irimia

Que a luciña siga acesa

Bea a de Estrella (directiva de Irimia)

«Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre”.
(Alba de Gloria, Castelao)

Lémbrome hai xa máis dunha década, entrar no faiado dun bo amigo, que me dixo que tiña un material audiovisual que ía tirar, e que ao mellor servía para esas cousas nas que andaba de recuperar a memoria deste país a través de audios, espistolarios, cintas de vídeo. A verdade é que entre aquelas xoias había unhas gravacións inéditas da nosa música; o seu avó trouxera os discos en Arxentina e así chegaran ata aquí, e esmorecían nese faiado. Eses discos están hoxe dixitalizados e forman parte da nosa historia e podemos escoitalos e gozar deles.

romaxe irimia

Dende esta ventá ao mundo, podemos reconstruír a nosa historia, a historia Irimega, os seus comezos, as romaxes, as fotos, a vida compartida …e para construíla precisamos de todos vós. Un cartel, unha foto, unha casete, un vídeo por moi pequeno que que vos pareza, por moi pouco interese que pensedes que teña, … pode valer. Pedímosvos que se tedes algo que considerades de interese mandedes un aviso a este correo electrónico: irimia@irimia.gal. Por suposto o material dixitalizado será entregado de volta despois da dixitalización, e teredes tamén a copia do que deixastes en dixital.

Irimia forma parte da historia do noso país. Mulleres e homes, comunidade que sente e vive dende hai moitos anos, legado para os que veñen que non podemos deixar que se perda. É o compromiso de cada un de nós preservar, coidar e legar a memoria da xente toda que formou parte da historia de Irimia.