O sábado 27 de febreiro celebrouse o Encontro da Coordinadora de Crentes Galeg@s deste 2019 no centro socio cultural “Agustín Bueno” no Castiñeiriño, en Compostela, que este ano celebrouse baixo o título de “É posible outra Igrexa profética, servidora e comunitaria”. O encontro foi un tempo de convivencia fraterna no que puidemos coñecer experiencias e novos proxectos de actividade e vida eclesial, compartindo boas prácticas e intercambiando perspectivas.
O pai Gonzalo Domínguez amosounos a experiencia da Unidade Pastoral Os Cotos, unha nova forma de enfocar a vida parroquial nos entornos rurais en declive demográfico. Do rural pasamos ó medio urbán, e a irmá Olga Álvarez compartiu con nós como os laicos da parroquia viguesa do Cristo da Victoria están a reorganizar o funcionamento da mesma, asumindo novas responsabilidades e artellando unha parroquia máis horizontal e participativa. A perspectiva das parroquias nun medio urbán cambiante e nunha situación de crise eclesial tamén foi abordada pola irmá Loli Martiñán, do equipo da HOAC na Coruña, que xunto con actividades sociais propias da HOAC veñen asumindo a responsabilidade de organizar a vida da parroquia de San Cristobo das Viñas, amosándonos os desafíos e logros dunha parroquia sen crego.
Apareceu recurrentemente o desafío da crise eclesial
Da man de Tarsicio Lamela tivemos ocasión de coñecer outro novo grupo da HOAC, o de Lugo, que desprega un amplo programa de activismo social nesa provincia. Máis veterano é o grupo da HOAC de Vigo, dende o cal a compañeira Pili achegounos algunhas das actividades que realizan, en particular con inmigrantes, menores en risco de marxinación e no eido da violencia de xénero. Manuel Freire nos acercou á experiencia doutro grupo de nova creación, o Grupo de Xesús da coruñesa parroquia das Roseiras, que afonda nunha espiritualidade centrada en Xesús, recollendo abondosos froitos do estudo das Escrituras e traballando na sociedade cos azos que proporciona unha vida espiritual ben coidada.
No debate posterior ás diferentes ponencias, apareceu recurrentemente o desafío da crise eclesial, a redución do número dos membros da Igrexa e a aínda maior escaseza de presbíteros na Igrexa Católica, que empurra unha maior implicación dos laicos, apuntando á necesidade de rachar a dicotomía entre clero e laicos e a necesidade da ordenación de mulleres, precisa para cambiar un concepto antropolóxico da muller que desemboca en violencia. Apuntouse que a identificación do relixioso, a cultura e a identidade rachou e que o modelo de Igrexa de presenza devíno inviable. Explorouse a vida cristiá das comunidades que funcionan fora da estrutura parroquial. Sinalouse a importancia do grupo e do silencio na experiencia cristiá. Dende diferentes comunidades foron postas en común experiencias de innovación litúrxica e os seus efectos.
O encontro rematou con bó sabor de boca, constatando a riqueza e variedade dos enfoques da vida eclesial dos participantes, fermento de novos proxectos e de novos paradigmas.