Mulleres Cristiás Galegas Exeria vén de publicar Xesús e as mulleres, unha unidade didáctica pensada para parroquias, grupos cristiáns, catequeses e clases de relixión, co obxectivo de abordar a discriminación de xénero desde unha perspectiva evanxélica.

O material, composto por unha ficha de traballo e outra de orientación pedagóxica, está dirixido tanto a nenas e nenos como a adolescencia e persoas adultas, e busca amosar como Xesús se enfrontou ás normas sociais que sometían ás mulleres na súa época, tratándoas sempre con dignidade e igualdade.

A proposta invita a reflexionar, debater e asumir compromisos cotiáns contra a violencia machista. A pesar de ser elaborado arredor do 25N, o recurso mantén plena vixencia ao longo de todo o ano, tamén nestas datas de Nadal, nas que se nos chama a construír relacións máis xustas e humanizadoras.

Exeria anima a empregar este material nos diferentes ámbitos pastorais para fortalecer unha comunidade máis igualitaria e máis acorde coa mensaxe do Evanxeo.