É imposible que alguén creza se non ten raíces fortes que axuden a estar ben sostido e agarrado á terra. É fácil “voarse” cando non hai onde agarrarse, de onde suxeitarse.
Papa Francisco.
Fagamos Igrexa galega. Unha afirmación, unha necesidade, unha Plataforma que quere botar a andar na nosa terra. Convocados pola Editorial SEPT, o pasado 17 de outubro tiña lugar na parroquia Sagrado Corazón de Vigo un encontro onde se invitaba a laicos, cregos, movementos, parroquias, colexios, etc. interesados na inculturación da Igrexa en Galicia.
Unha proposta que parte da realidade
Presentouse, de entrada, esa sensación de decepción, mesmo de resignación, cunha constatación do oco xeracional existente (cunha mocidade allea a todo o relacionado non só co da Igrexa galega, senón con todo o relacionado co eclesial). Insistiuse na falta da inculturación da fe, cun apoio mínimo ou nulo da xeraquía. Mais non era un encontro para se laiar. Constatouse a existencia de propostas interesantes, que están a funcionar, baseadas no compromiso persoal. A creación dunha plataforma tería como primeiro obxectivo unir forzas e elaborar proxectos comúns para toda a comunidade eclesial galega.
Novos tempos, novos retos
Estase a producir unha revitalización da vertente cultural. Agroman experiencias que pulan polo dereito de apostar pola vida no rural. Continúan a existir persoas que reclaman que se tome en conta o pobo na vida eclesial. Cómpre recoñecer e satisfacer as necesidades reais da nosa Igrexa hoxe. Ofertar propostas de calidade, que as hai, mais potencialas desde o traballo colectivo. Estar presentes no rural, ese que se di que “morre”, mais no que xorden experiencias e apostas de contacto coa nosa terra. É necesario, tamén, axudar ao desenvolvemento da nosa terra, sendo propositivos e superando a visión de enfrontamento lingüístico neste enfoque de profundar nunha Igrexa galega.
Unha xuntanza que sae con propostas
Houbo un diálogo aberto e enriquecedor, un compartir vivencias propias e visións da realidade. Mais a xuntanza culminou con propostas concretas, que xa está a levar a cabo a SEPT e que poden ser un punto de partida para animar o traballo conxunto dunha futura plataforma “Fagamos Igrexa galega”:
– Publicar a Biblia en galego. Estase a traballar nunha nova edición da Biblia. Xa está moi avanzada unha nova versión do Novo Testamento, que se pretende que estea na rúa a finais de xaneiro de 2020, coincidindo co 3º Domingo do Tempo Ordinario (declarado Día da Palabra de Deus).
– Ampliar e renovar o canto litúrxico en galego. Estase a levar a cabo unha recompilación, renovación e modernización dos cantos, co obxectivo de que sexa accesible a través da rede.
– Crear unha “web de oración”, que recollería en formato audio o leccionario dos tres ciclos litúrxicos. Xa se están a convidar diferentes parroquias para que o graven, aproveitando as misas dominicais.
– Crear unha plataforma común na rede, onde se difundan todos os recursos existentes en galego. Unha web atractiva e accesible para todo o mundo.
A fin do principio
Deste xeito acababa a presentación que guiou esta xuntanza. Foi unha primeira toma de contacto, onde se lanzou a idea da necesidade desta Plataforma, que ten que pórse a andar. Co obxectivo de se abrir a máis persoas e institucións, pediuse a difusión da iniciativa, así como a súa adhesión, convocando a todas as persoas interesadas a unha nova xuntanza que terá lugar en Santiago en decembro e que desde Irimia seguiremos anunciando.