4 DE FEBREIRO DE 2023

Achégase a Candeloria e con ela festexaremos unha nova Festa do Lume. Citámonos no Mosteiro de San Salvador de Bergondo, A Coruña, o sábado 4 de febreiro ás 10.00 h da mañá. Prégase e agradécese a asistencia de todas e todos os que vos poidades achegar.

Como é habitual, a festa comezará coa Asemblea das persoas socias e a renovación dos cargos directivos. Sempre é un bo momento para analizar o percorrido feito no último ano. Por suposto, se ti que estás lendo isto te sentes con ganas de participar na directiva da asociación, na mesa de redacción ou na organización da Romaxe, non dubides en achegarte ata Bergondo este día ou escribirnos a irimia@irimia.gal en calquera momento.

Tras un descanso, faremos a charla-coloquio, que este ano se centrará nas “Vulnerabilidades en perspectiva”. Consideramos que esta mesa de experiencias será unha boa ocasión para coñecer algunhas realidades do noso país e de fóra. Ademais, como vén sendo habitual os últimos anos, presentaremos un libro. Este ano tócalle á Revolta das Mulleres na Igrexa, que presentará Marisa Vidal.

Unha vez finalizado o coloquio, faremos o xantar compartido, para rematar coa celebración da Candeloria.

HORARIOS FESTA DO LUME 2023

10:00 h
Café
10:30 h
Asemblea de socios/as de Irimia
12:30 h
Descanso
13:00 h
Mesa de experiencias:
“Vulnerabilidades en perspectiva”
e presentación do libro Revolta das Mulleres na Igrexa
14:30 h
Xantar compartido
16:30 h
Celebración da Candeloria

NOVIDADE!

Cartel espazo FAÍSCAS

A raíz da cantidade de nenos que estiveron facendo foliadiña na Romaxe despois do xantar, gustaríanos facer algunha actividade con eles para que teñan outro espazo para coñecerse e interactuar entre eles.

Por iso, durante a Festa do Lume inauguramos o espazo FAÍSCAS. Durante o tempo da mañá, mentres os adultos asisten á asamblea e aos relatorios, organizaremos actividades como unha busca do tesouro polo mosteiro de Bergondo, xogos tipo campamento ou incluso algunha dinámica para preparar unha intervención durante a celebración da tarde. Así a infancia e a mocidade da Irimia terán outra ocasión de estar entre eles antes da seguinte Romaxe.

Se queres que as túas crianzas asistan, apúntaas enviando un correo electrónico a iriminhas@gmail.com antes do 2 de febreiro de 2023.