O oito de febreiro, como tódolos anos por estas datas, os irimegos e irimegas xuntámonos no mosteiro de San Salvador de Bergondo para celebrarmos a Festa do Lume. E como non todas as persoas que queriades vir o puidestes facer, aquí vos contamos como foi a xornada para que vos fagades unha idea.

Café con roscas e asemblea da asociación

Desde as 10 da mañá agardábanos o café quentiño cunhas roscas caseñas que nos sentaron moi ben, ao tempo que repartiamos bicos e apertas aos que ían chegando.

10:30 Hora de comezar a Asemblea… cantando, porque a celebración da tarde íase intercalar tamén durante todo o día. E xa estamos listos para escoitarmos a benvida de Lucía, a nosa presidenta, ás 40 persoas asistentes cunhas agarimosas verbas.

Anuncio, o secretario da asociación, dá lectura á acta da Asemblea anterior e, penso para min, que ben escribe este home.

Tócalle a Xosé Barca o de explicar as contas que, como non están en números vermellos, parécennos estupendas.

A revista agora é mensual, máis guapa e un chisco máis gordiña. Invítannos a ser os ollos da revista en todo o país, enviando recado das cousas que van pasar para a sección da Peneira (hai un grupo de whatsapp para isto). E lémbrannos a páxina web nova, moi mellorada tamén e doada de lembrar: www.irimia.gal).

A próxima romaxe será en Arzúa e xa comezan os preparativos.

Charo Rilo contounos que os sábados bíblicos, que son un grupo de intercambio de ideas ao redor dun libro, este ano xiran en torno aos cristianismos das orixes.

Lois Ferradás informounos da plataforma Fagamos Igrexa Galega, que está aberta a parroquias, grupos, persoas… interesadas e que ten, entre outros obxectivos, os seguintes:

  • recollida de cantos en galego
  • material litúrxico: leccionario, biblia en galego…
  • mapa da galeguidade: onde e cando hai misas en galego

Invítannos a ser os ollos da revista en todo o país

Respecto á renovación da Xunta Directiva temos a baixa da vogal de Ferrol, precisamos renovar os cargos de secretario e tesoureiro (ídevos animando …) e incorpóranse Manuel Adame para axudar nas contas e Bea a de Estrella para axudar en todo o que poida.

E con outro canto deuse por rematada a Asemblea e demos paso á mesa de experiencias.

Mesa redonda: Humanidade sen fronteiras

Xosé Lois Vilar presentounos as tres persoas que nos ían ofrecer as súas testemuñas para un horizonte sen fronteiras: Xosé Abad, fotógrafo, alma máter de “Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio”; Djibril Faye, senegalés, mediador intercultural da ONG Ecos do sur e Mohamed Said, alxerino, activista de Amnistía Internacional e SOS Racismo.

Xosé Abad recordounos que hai moitas organizacións a prol dos Dereitos Humanos, pero moi illadas. É o inimigo é común. A unidade é fundamental, aínda que cada organización traballe na súa área. ACAMPA leva catro anos de plataforma unitaria de 68 organizacións como rede de información, para unificar persoas e grupos na sensibilización da sociedade.

Fan un encontro anual de tres días, un campo de refuxiados simulado, na Coruña, xunto con actividades como exposicións de fotografía, encontros, debates cos sectores involucrados, como vítimas, expertos, ONG. Informan a xente e anímana a participar.

Cada ano profundan nun tema distinto: a guerra, o cambio climático, mulleres e nenos, os espolio dos países do Sur.

Dúas cidades do Brasil, Madrid e Lisboa xa están replicando a idea.

ACAMPA é unha iniciativa cidadá de persoas, organizacións e mesmo empresas. É un espazo de encontro para afondar nas causas e buscar solucións. Certo que hai colectivos que salvan vidas, pero sempre son poucas. O que salva todas as vidas son as leis xustas.

Djibril Faye, senegalés

Contou a súa experiencia persoal. Era pescador en Senegal pero os países africanos asinan convenios con países europeos ou asiáticos para deixalos pescar nas súas augas e arrasan cos seus caladoiros, afectando aos pescadores locais, que acaban por emigrar. Emprenden unha viaxe que supón un cambio total de vida e con moitos riscos. El veu en caiuco ata Canarias e rescatouno salvamento marítimo. Tras 40 días nun Centro de Internamento para Estranxeiros mandárono en avión a Barcelona. Alí déronlle dúas tarxetas telefónicas, unha para chamar á súa familia en Senegal e outra para chamar aos seus contactos en España. E chamando a un amigo que estaba na Coruña, chegou aquí. Pasou moito medo a ser enviado de volta, pero unha ONG axudouno a empadroarse, a aprender o idioma, a arranxar papeis e despois el mesmo converteuse en voluntario para axudar a outros. Incluso unha muller tentouno adoptar pero non foi posible ao ser maior de 18 anos.

A acollida en Galicia foi marabillosa para el e está moi agradecido.

A unidade das ONG é fundamental, aínda que cada unha traballe na súa área

Mohamed Said, alxerino

Está en España desde hai 18 meses porque en Alxeria o goberno limita a liberdade de expresión, censura a publicación de fotografías das protestas. Hai un ano que a xente sae ás rúas tódolos martes e venres e a policía fai detencións ilegais. El estaba fóra do seu país, fotografando campos de refuxiados en distintos países do Mediterráneo, e non se atreveu a volver.

Atopou os atrancos dos refuxiados: o idioma, as normas e costumes, a maneira de pensar da xente, as dificultades de integración.

Fixo memoria de 1939, cando 3.000 refuxiados españois chegaron en barco a Orán, fuxindo do porto de Alacante, bombardeado por Franco: A maioría seguen alá. Seica os esperaba a xente no porto con alimentos e medicinas.

E rematou con estas frases:
“Síntome ben cando fago o ben, síntome mal cando fago o mal: é a nosa decisión como queremos sentirnos.”

Mesa compartida

Na hora de xantar atopámonos diante dun repertorio de pratos variados, preparados con agarimo para a ocasión, que non fomos quen de rematar e así chegamos á celebración na que contamos cun invitado especial que non ten que chegar porque sempre está con nós, Xesús de Nazaré. Con Christina Moreira dirixíndonos e concelebrando con outras tres mulleres, para lermos o evanxeo, cantar, orar, dar grazas e soster as candeas que nos alumean.

E como di Charo Rilo: “De aquí nun ano, se non nos vemos antes”.