O ano pasado estabamos a traballar no espazo de Teoloxía Feminista o libro de Elisabeth Jhonson La que es, que nos estaba dando moito xogo.
Quedamos a medias e a idea era seguir este ano 2022 traballando ese texto, pero cruzouse na nosa vida un feliz acontecemento. Como sabedes, organizouse a Catholic Women’s Council e este ano 2022 imos ter un Sínodo de Mulleres a nivel mundial.
A Revolta de Mulleres na Igrexa, da que forma parte Mulleres Cristiás Galegas Exeria, acordou participar no Sínodo formando grupos de reflexión. Na pasada asemblea acordamos formar un grupo sinodal. Como as forzas non dan para todo, acordamos este ano dedicar o tempo do espazo de Teoloxía Feminista a este traballo sinodal. O calendario de reunións téndelo na imaxe que se xunta.
Cada sesión de venres dedicarémola a un dos eixos temáticos do Sínodo, utilizando os materiais que nos envíe a CWC e recolleremos as conclusións, que enviaremos para que sirvan na elaboración do Instrumentum laboris, o documento marco que se aprobará na sesión final do Sínodo de Mulleres, en Roma, en outubro de 2022.
Como vedes, o reto é importante, así que vos animamos a participar nesta nova xeira sinodal!
As reunións tentaremos facelas presenciais, na casa Xohana Torres, coma sempre. Se a pandemia o impedise, adoptaremos a forma virtual.
Esperamos contar con todas vós!
Mulleres Cristiás Galegas Exeria