A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON recibiu este ano o Premio Moncho Valcarce na categoría “Pola Defensa da Terra”. O colectivo leva desde 2017 combatendo a reapertura da mina de cobre a ceo aberto, que ameaza a calidade da auga, o aire, os sectores produtivos locais e a vida no rural. “Defendemos o noso territorio, o dereito a vivir no rural, os nosos medios de vida. Temos o compromiso de facelo agora máis que nunca, como lle gustaría a Moncho Valcarce”, sinalaron durante o acto de entrega.
Representantes da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON xunto Margarita Ledo,á esquerda, durante a entrega dos premio

Representantes da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON xunto Margarita Ledo,á esquerda, durante a entrega dos premio.
© Foto: Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON

Na categoría “Pola Promoción da Terra” foi galardoada Margarita Ledo Andión, escritora, cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual e membro da Real Academia Galega. A súa traxectoria está marcada pola defensa da lingua, a cultura e os dereitos colectivos, desde o activismo feminista ata o compromiso intelectual e audiovisual cun país vivo.

Os Premios Moncho Valcarce, que cumpren xa 22 edicións, son promovidos pola Irmandade Moncho Valcarce, unha asociación formada por amizades, familiares e compañeiras do histórico “cura das Encrobas”. O seu obxectivo é manter viva a súa memoria, transmitindo os valores de xustiza social, compromiso co pobo galego e defensa da terra que marcaron a súa vida e acción pastoral.