Mulleres cristiás galegas esixen á Igrexa xustiza ante presunto caso de abuso en Lugo

A Revolta das Mulleres na Igrexa e a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria fixeron público o seu rexeitamento ao recente caso de abuso sexual a unha menor presuntamente cometido por un sacerdote da diocese de Lugo. A protesta, desenvolvida de forma simbólica diante da catedral lucense no mes de xuño, reuniu a varias integrantes destes colectivos portando pancartas e mensaxes contra a cultura do silencio e a impunidade. As participantes reclamaron “unha investigación exhaustiva e transparente” por parte da Igrexa, paralela á xudicial, e demandaron a creación dunha Mesa Diocesana de Diálogo sobre Abusos. No seu manifesto, advertiron que “non haberá redención sen verdade nin xustiza” e chamaron a poñer fin á cultura do encubrimento, instaurando no seu lugar unha “cultura do coidado” que sitúe no centro a dignidade humana e a protección das vítimas.