Como cada ano, e tras vinte e dúas edicións, o vindeiro 10 de maio celebrarase na cidade da Coruña a entrega dos Premios Moncho Valcarce. Xa é unha tradición consolidada nestas datas, un recoñecemento que, co paso do tempo, se converteu nunha cita obrigada para homenaxear aquelas persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria destacada na defensa dos máis desfavorecidos, da lingua, da cultura e da identidade galegas.

Nesta edición, a entidade promotora —a Irmandade Moncho Valcarce— vén de conceder o Premio Moncho Valcarce na categoría “Pola Promoción da Terra” a Margarita Ledo Andión, escritora, xornalista, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación —na que actualmente exerce como catedrática de Comunicación Audiovisual—, académica numeraria da Real Academia Galega, Premio Nacional de Cinema e Audiovisual, Premio Nacional da Cultura Galega, fundadora e directora do semanario A Nosa Terra, directora de cinema e activista social e cultural.

Pola súa parte, o Premio Moncho Valcarce na categoría “Pola Defensa da Terra” foi concedido á Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, entidade que desde o ano 2017 lidera a loita contra a reapertura dunha mina a ceo aberto para a extracción de cobre.