A defensa da lingua galega dá un novo paso adiante coa convocatoria dunha gran mobilización en Santiago de Compostela o vindeiro 23 de febreiro, Día de Rosalía. A entidade Queremos Galego, recoñecida pola súa loita a prol da nosa lingua e cultura, está a organizar plenarios comarcais por toda Galicia co obxectivo de preparar a cidadanía para esta xornada reivindicativa.

A plataforma sinala que “no contexto da emerxencia lingüística que está a vivir o noso idioma e do ‘Pacto pola Lingua’ que o goberno da Xunta tenta levar adiante”, faise imprescindible unha resposta colectiva. Este movemento, segundo Queremos Galego, busca reactivar a súa actividade como plataforma cidadá, aglutinando entidades de diversos sectores e persoas comprometidas co futuro do galego.

Plenario comarcal de traballo de queremos galego
Os plenarios comarcais serven como espazo de traballo para tratar aspectos clave, entre eles:

  • A análise da situación actual do galego, os puntos mínimos de defensa e as medidas urxentes necesarias.
  • A elección de coordinadores/as e portavoces comarcais.
  • A planificación da manifestación do Día de Rosalía, que pretende ser un chamamento masivo á protección da lingua propia de Galicia.

Así mesmo, Queremos Galego lembra que está dispoñible un formulario en liña na súa páxina oficial www.queremosgalego.gal para que colectivos e persoas poidan adherirse aos puntos mínimos e medidas urxentes que defenden.

Cartel chamamento para participar nos plenarios comarcais de queremos galego
Dende Queremos Galego, animan á participación activa da sociedade galega nesta mobilización. “Non é só unha cuestión de lingua; é unha cuestión de dignidade e de futuro. O galego precisa de todas e todos nós”, subliñan.

A manifestación do 23 de febreiro promete ser un berro colectivo por un idioma que é símbolo da identidade e da cultura de Galicia.