Coordinadora Galega de Crentes
A coordinadora Galega de Crentes está formada por diferentes grupos de toda Galicia.
Este ano decidiu que en vez do Documento da Paz que outros anos ía incluído á parte, dentro da revista, prepararía un balance do ano 2021.
Queremos facelo porque, entre outras cousas, estase comprobando o importante que é deixar por escrito todo o que é bo para que as futuras xeracións teñan unha boa base para lograr que Outra Igrexa galega sexa posible!
Agradecemento
O ano 2021 despois dun ano 2020 de pandemia fixo que cuestionásemos moitas cousas do noso estilo de vida.
Sentimos e celebramos o agradecemento tanto porque mantemos a fe e a esperanza nas pequenas comunidades como por considerarnos persoas privilexiadas especialmente nesta situación.
Experimentamos que os traballos que nos parecían prescindibles resultaron ser os máis importantes e fundamentais.
Tamén nos decatamos da importancia que ten a nosa relación con outras persoas para ir transformando a sociedade, a relixión, a política, a cultura… o mundo.
A Coordinadora une persoas crentes, galegas, orgullosas do que son, que se senten vivas facendo camiño
Vivimos as situacións individuais e familiares que o paso dos anos van marcando e acudimos cando alguén precisa de nós, acompañando e compartindo.
Agradecemos o apoio das novas tecnoloxías (zoom, skype, whatsapp…) que nos axudaron a manternos en contacto.
Démonos de conta das consecuencias negativas que esta pandemia está tendo, sobre todo, para as persoas desempregadas, as excluídas e as inmigrantes; e tamén observamos como se agrandan cada día máis as desigualdades.
Comunicación entre nós
A Coordinadora une persoas crentes, galegas, orgullosas do que son, que se senten vivas facendo camiño; e está aberta a novas incorporacións.
Algunhas persoas seguen a filosofía das Comunidades Cristiás Populares (CCP) participando por internet nas asembleas, outras participan na IOAC-GALICIA e na HOAC a nivel estatal e algunhas outras en organizacións políticas.
Toda a Coordinadora colabora activamente en movementos sociais (ACAMPA, MODEPEN, loitas ecolóxicas, laborais…), en movementos relixiosos (Irimia, entre outros, en Galicia ou Redes Cristiás a nivel estatal).
Participación e compromiso
O balance é positivo porque grazas á vacina foron viables algúns encontros presenciais con certas limitacións: o encontro da Coordinadora en Santiago, a celebración presencial da Romaxe en Arzúa, o encontro de Encrucillada, a xuntanza da IOAC-GALICIA (IOAC-VIGO tamén recuperou o encontro presencial) ou a preparación das eucaristías dos domingos na parroquia do Cristo da Victoria.
Esperanza
Todo isto é motivo de esperanza, de ánimo para continuar loitando polo proxecto humanizador de Deus. Este proxecto que considera prioritario o desenvolvemento integral de todas as persoas e dun xeito especial das persoas empobrecidas, marxinadas e excluídas.
A Coordinadora Galega de Crentes desexa que a experiencia desta pandemia sirva para ter máis sensibilidade coa fraxilidade das persoas, para tomar conciencia da importancia da vida comunitaria
A Coordinadora Galega de Crentes desexa que a experiencia desta pandemia sirva para ter máis sensibilidade coa fraxilidade das persoas, para tomar conciencia da importancia da vida comunitaria e procurar unha nova relación entre todas e todos, que facilite un mundo menos individualista, menos egoísta, menos competitivo e menos violento; unhas relacións humanas que posibiliten unha sociedade máis igualitaria, solidaria e xusta, que permita vivir en Paz, que non impida o coidado da natureza, e que sexa máis partidaria de derrubar muros e tender pontes.
Futuro
A Coordinadora Galega de Crentes pensa convocar un encontro presencial, non multitudinario, en Santiago, no 2022, se é posible, para poñer en común as preocupacións e as solucións conseguidas desde o inicio da pandemia.
Sería conveniente para facer este encontro, que de cada comarca asistise unha representación (é posible vivir a fe en comunidades pequenas).
Colaboraron neste balance persoas pertencentes á Vangarda Obreira da Coruña, á IOAC de Vigo, á parroquia do Cristo da Victoria e os grupos dispersos, o de Santiago e o de Oleiros.
Agradecemos a Irimia ser o pegamento que une a estes e outros colectivos cos que nos sentimos profundamente identificados e implicados.
Oxalá que este balance sexa enriquecido por outras comunidades, parroquias ou outros grupos dispersos.
Contacto: josechobarca@gmail.com