O Comité Galego da Iniciativa Lexislativa Popular #REGULARIZACIÓN XA (Regulación extraordinaria de persoas estranxeiras) comezou a súa andaina promovendo en Compostela un acto público co lema 500 000 sinaturas para 500 000 persoas en situación irregular. O lanzamento desta campaña faise en coordinación co resto de comités do Estado español que promoven accións similares.

O lema recolle o obxectivo de conseguir medio millón de sinaturas para que o Parlamento tramite esta iniciativa dirixida a conseguir que aproximadamente medio millón de persoas que residen no Estado español en situación de irregularidade administrativa, e na máxima situación de exclusión legal e social, poidan acceder a dereitos básicos. Ao tempo solicítase que colectivos e organizacións amosen de forma pública o seu apoio á campaña de recollida de sinaturas para presentar no Parlamento.

Un mecanismo habitual en moitos países, tamén en España

Este mecanismo de regularización extraordinaria foi utilizado por un importante número de países ao longo das últimas décadas: só na UE, entre 1996 e 2008, leváronse a cabo 43 programas de regularización en 17 estados. As regularizacións máis recentes foron as realizadas por Portugal e Italia en plena pandemia, unha resposta apoiada polo Relator Especial da ONU para os dereitos humanos das persoas migrantes.

España coñeceu durante a última etapa democrática seis procesos de regularización, catro levados a cabo polo Partido Socialista e dous polo Partido Popular.

Unha proposta suxeita ás leis e coherente cos compromisos internacionais

A presente iniciativa lexislativa popular é respectuosa co ordenamento xurídico español, evitando afectar a materia orgánica. Esta proposta limítase a modificar, nun artigo único, a disposición transitoria primeira da Lei Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.

Como se poden solicitar as follas de sinaturas?

As follas de sinaturas pódense solicitar en www.wikizens.com (envíanse no mesmo día no que se solicitan, pero Correos pode tardar entre 2 e 10 días en entregalas). E, por suposto, pódese asinar a través de persoas que teñan follas de sinaturas ou nos diferentes puntos de recollida de sinaturas, que aparecen en www.forogi.wordpress.com

Para calquera dúbida ou solicitude no rexistro para organizacións pódese comunicar co whatsapp: 671 30 59 19 ou co email: marco.osorio.ritter@gmail.com.