Este que aquí publicamos é o texto oficial no que a Asociación Irimia comunica como se vai artellar unha alternativa á tradicional Romaxe de Crentes Galegos. Foi redactada no mes de xullo. As circunstancias epidemiolóxicas, desde entón, empeoraron na zona das mariñas coruñesas, onde se sitúa Bergondo. Por iso resulta especialmente importante lembrar que quen pense estar presente na celebración de Bergondo debe comunicalo antes no teléfono 626 77 48 09.
No 2020 non haberá Romaxe
(pero si Rumores de Romaxe)
A Romaxe de Arzúa de 2020 (“Pegadas de esperanza”) queda adiada para o 2021. A situación sanitaria é a que é e cómpre sermos responsables.
Con todo, non renunciamos a facer algo alternativo e con outra dimensión, distinto e seguro, e sempre que a situación sanitaria o permita.
Por iso, sen haber a Romaxe como tal, que é encontro aberto, aperta irreprimible e máscaras fóra, haberá eses Rumores de Romaxe, un anticipo da Romaxe 2021 feito doutra maneira.
Animámosvos a todos os grupos, comunidades, parroquias… que vindes participando nas romaxes a que organicedes, na mañá do segundo sábado de setembro, un encontro de celebración nalgún lugar próximo ás vosas casas (eira da casa, veiga privada ou nalgún monte próximo). Cada grupo será parte deses Rumores de Romaxe espallados por toda Galicia. O sábado 12 de setembro, ás 12.00 h, poderemos, logo, ter celebracións simultáneas en rede, compartidas por whatsapp, en audios e notas de voz, que nos conecten aos diferentes grupos. Na revista daremos máis detalles de como facer. Só é necesario un grupo con ganas de celebrar a nosa fe e galeguidade e un espazo con cobertura de móbil. Máis nada! Este ano os Rumores de Romaxe van chegar ás nosas casas! Todos á vez compartiremos textos, música e celebración.
Ademais desa rede de pequenas celebracións autoorganizadas haberá unha celebración de referencia, presencial, no mosteiro de Bergondo, que conectará con todas as celebracións locais. Está pensada como un encontro de menor dimensión ca unha Romaxe, evidentemente, algo semellante ás noutrora chamadas “Irimianzas”. En Bergondo a celebración deses Rumores de Romaxe, dese recordatorio e anticipo da Romaxe que será, vai ser aberta á participación de quen queira, coas medidas de seguridade debidas, pero haberá que “anotarse”, pois, como é ben sabido, os aforamentos para todas estas cousas están agora regulados por lei.
Moi importante:
Para facer posible a conexión en rede, todos os grupos e comunidades locais que queiran conectarse ese día e seren parte desas celebracións interconectadas e alternativas a través de whatsapp deben poñerse en contacto con este número : 676 18 01 27.
Para avisar de que se asistirá á celebración no Mosteiro de Bergondo debe darse razón, antes do 10 de setembro, no seguinte número: 626 77 48 09.