Os tempos mudan, as circunstancias tamén. Para dar unha continuidade a esta revista cómpre saber adaptármonos aos cambios, manter e recrearo seu sentido e facela viable e sustentable no tempo. De todo isto falouse e debateuse de vagar na festa do lume deste 2025, de maneira aberta a todos os subscritores e subscritoras que quixeron participar. Foi o comezo dun proceso para darlle forma á proposta que aquí presentamos e que foi validada na Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Irimia, celebrada en Santiago na pasada primavera.

Novos tempos

Observando a nosa historia como revista, nas súas sucesivas “épocas”, vemos como se foi adaptando e mudando de maneira acompasada cos tempos, cos cambios, urxencias e prioridades do país galego, coa evolución das comunidades e da Igrexa de base, e tamén coa maneira de comunicar e comunicarnos. A revista semanal de 8 cuartillas elaborada na Terra Cha /serra da Corda e editada entre Sobrado dos Monxes e a imprenta do párroco de Barallobre foi un digno e precioso esforzo. E respondía a un país e un momento, xusto no comezo da década dos 80, cando a xente das aldeas se comunicaba por carta e por teléfono fixo -se tiñan a fortuna de que a liña chegara á súa casa. A “pequena” Irimia era un pequeno prodixio (a TVG comeza no 85, catro anos despois).

O ano 1987 Irimia pasa a ser quincenal. En 1993 a mesa de redacción trasládese a Santiago de Compostela. Os temas, os enfoques, formatos e periodicidades foron mudando á par dos colaboradores e colaboradoras. A realidade cambiaba e tamén os “grupos, movementos, parroquias e comunidades de base”, así como o perfil das persoas subscritoras. A Irimia actual, esta na que agora estamos é mensual, con 20 páxinas en A-4, e unha media de 15 seccións por número.

Ao longo desas fases houbo un esforzo por manter un diálogo crítico e unha mirada esperanzada coa actualidade. A “rabiosa” actualidade, como se adoita dicir, foi un desafío, porque co paso do tempo esa actualidade foi cada vez máis rabiosa e trepidante, mentres que a periodicidade da revista impresa e o seu proceso de produción e distribución facíanos chegar moitas veces tarde. As novas maneiras de “estar ao día da última”, así como de informarse de actos e convocatorias, etc… pasa por outros medios, algún dos cales, como o teléfono móbil, lévase no peto.

Por outra parte, Irimia (a asociación e a revista) naceu coma un proxecto xurdido no seo da Igrexa galega, dirixido a achegala á terra e á lingua do seu pobo, e ao sentido e ao contido do cristianismo orixinario, profundamente social e liberador. Os seus membros e o seu público inicial coñeceron unha Igrexa na que en demasiadas veces se catequizaba da peor maneira e na versión mais escura do catolicismo, e tomaron o impulso do Concilio Vaticano II para un esforzo galeguista e reformador. Catro décadas despois, o contexto volveu mudar notabelmente. A inmensa maioría da mocidade galega non coñece nin segue a Igrexa. Quen procura un sentido, unha fonte de espiritualidade, que busca o Ben, a Verdade ou a Beleza faino a través de proxectos militantes, artísticos, deportivos… sen dimensión transcendental, e a sede espiritual que existe (e que está a medrar) procura ser saciada en fontes exóticas e postmodernas, ben distintas da tradición e da cultura relixiosa do pobo galego.

Portada revista Irimia nº 998

Novos públicos

A revista, sen deixar de ser canle de comunicación entre quen dalgún xeito se sente parte dese horizonte común chamado Irimia, vai procurar chegar a persoas que están fóra dela. Un diálogo dirixido a dous segmentos:

  • “Os bos samaritanos”: Persoas cun compromiso ético e militante coas causas dos oprimidos do mundo, da protección da terra, da sobrevivencia da Galiza… mais que non coñecen ou non comparten a linguaxe cristiá. Persoas que, porén, procuran sentido espiritual nun mundo cada vez mais inmanente, presentista e, en tantos aspectos, inhumano. Queremos achegarnos a elas con boa espiritualidade e cultura cristiá, a carón dos temas políticos e sociais que as motivan e que lles preocupan.
  • “Cristiáns do século XXI”: Persoas que seguen a procurar sentido na vida e na palabra de Xesús de Nazaré nun marco máis comunitario ou institucional, pero que non teñen a referencia da igrexa galeguista e liberadora que identifica a Irimia. Quereríamos volver tentar, por exemplo, que Irimia sexa lida e utilizada por grupos parroquiais, catequistas ou por profesorado de relixión.

Revista trimestral

Nesta nova xeira, a proposta de periodicidade da revista en papel é trimestral. Catro números ao ano: Un número por cada estación. E isto fundamentalmente por dous motivos:

  • As dificultades humanas e económicas para manter o ritmo dunha revista mensual.
  • O propio sentido que teñen as publicacións impresas nun tempo no que a información e a opinión sobre o noticiábel xa se consume maioritariamente a través de medios dixitais. O papel aínda ten un sentido, mais este encóntrase máis na lectura pausada de textos con certa profundidade, do que na lectura lixeira e rápida que promove a internet.

A revista sairá mais espazada no tempo, pero tamén aumentará o seu número de páxinas. É un cambio de cantidade por calidade e a proposta é manter o prezo actual das subscricións.

Importante:

Se, como persoa subscritora de Irimia, lle queres dar unha oportunidade a esta nova etapa da revista, non tes que facer nada: seguirás recibíndoa puntualmente no teu correo postal. No caso contrario fáinolo saber para cursar a baixa da túa subscrición.