Despois da parada obrigada pola pandemia, volvemos retomar os Foros de Encrucillada, este ano centrado na Teoloxía Política do Papa Francisco.
Ímolo celebrar, tendo en conta todas as medidas COVID, no salón de actos do colexio da Compañía de María de Santiago, ao que se accede pola Rúa das Trompas. Abriremos as portas ás 10.00 h da mañá e cómpre non chegar moi xustos de tempo, pois, como mandan as medidas sanitarias, temos que levar conta da asistencia.
Despois de 8 anos de pontificado, no Foro Encrucillada imos debullar o que supón a nivel político e global a figura do Papa Francisco, un home que, en pouco tempo, está provocando un cambio real, tanto a nivel eclesial como social.
Iniciaremos o foro ás 10.30 h, coa colaboración de Carlos García de Andoin, profesor da Universidade do País Vasco, que recollerá a influencia do actual pontífice na política global.
Despois dun breve descanso, ás 12.30 h Sebastián Mora Rosales, profesor na Universidade Pontificia de Comillas, achegaranos o xeito que ten o papa de entender a economía e as finanzas.
Pola tarde, ás 16.30 h, Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, mostraranos o estilo franciscano na ecoloxía e o coidado do planeta, a casa común.
Pechará o foro Bea a de Estrella, que nos recreará cos temas do seu último traballo, Mareira.
Como é habitual, despois de cada intervención abrirase un coloquio co público asistente. Amais, este ano o foro ten unha novidade: os relatorios van ser retransmitidos en directo nas nosas redes sociais, cousas que aprendemos na pandemia…
Vinde partillar con nós este cambio na Igrexa que xa agroma. Non o vedes?
Asociación Encrucillada