Novidoso, alegre e esperanzado, fiel como cada ano, chega, ao comezo do outono, o FORO DE ENCRUCILLADA, que fai o número XXXVI. A cita é o día 22 de outubro, no salón de actos da Compañía de María, en Santiago de Compostela, en horario de 10.00 a 19.00 horas. O noso Foro non é unha xornada máis, é un momento de encontro, de celebrar o estar xuntos, de especial acollida ás persoas que veñen por primeira vez e de seguir aprendendo, medrando en coñecemento e fe.

O Foro non é unha xornada máis, é un momento de encontro, de celebrar o estar xuntos

Este ano leva o título de “MÚSICA RELIXIOSA GALEGA”. Contamos con relatores especializados e moi comprometidos, con ese labor tan serio e importante coma o de contar coa música axeitada e con contidos propios para este tempo que nos toca vivir, sendo moi conscientes de que tamén se pode, e se debe, evanxelizar cantando.

Comezaremos con Nuria Núñez, que nos vai falar de “A música relixiosa en galego”. Despois do descanso, Manuel Regal e Xesús Portas afondarán, a modo de coloquio, na necesidade de utilizar música e cancións para “evanxelizar cantando”.

Pola tarde o formato cambia, para ofrecernos un ”Festival de música relixiosa”. Esta parte musical pensámola desde Encrucillada como un camiño desde o altar ata o adro… e mais aló. Teresa Necega e mais os dúos “Borja e María” e “Xaquín e Xavi” farán música máis litúrxica, sairemos ao adro con Mero e levaranos máis aló do adro o propio Toñito de Poi.

Así está argallado o Foro de Encrucillada para este ano 2022. Pensamos que é un tema que pode interesar moito a responsables de pastoral, párrocos, coros, mozas e mozos e, en definitiva, a todos nós. Estou segura de que gozaremos moito, tanto dos relatorios como do festival. Será un encontro gozoso que merece ser difundido coa idea de que tamén sexa un encontro numeroso, que chegue a moita xente e que nos axude a percorrer ese camiño de Igrexa en saída.

Recordade a data: sábado 22 de outubro, e difundide todo o que poidades a información.
Moitas grazas!