Sempre escoitamos aquilo de que “o importante é ter saúde”, pero ás veces a saúde só era importante cando faltaba preto dun. Semella que iso mudou. Nunca tanto puxemos a mirada nela, e cos azoutes da pandemia decatámonos da importancia de ter sempre un sistema de calidade. A sanidade recortouse nos últimos anos e, pese aos recortes, o persoal que alí traballa está debullando verdadeiras historias de heroicidade. Se a primeira onda do coronavirus foi dura, non menos está sendo a terceira na UCI da cada un dos hospitais. É de agradecer este labor por parte dos que estades ao pé dos doentes. GRAZAS! Tampouco podemos esquecer que hai outras doenzas que precisan ser atendidas, precísanse consultas presenciais de atención primaria e, sobre todo, precísase que os que gobernan este país, cunha media de idade avanzada, destinen máis á sanidade e á investigación para que a medio prazo non nos vexamos noutra igual ou peor.

Proba da importancia de investir é a recente nova publicada na prestixiosa revista The Lancet sobre un proxecto internacional impulsado por Emad Abu-Assi e Sergio Raposeiras, ambos os dous cardiólogos no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Eles veñen traballando desde 2015 no desenvolvemento dunha calculadora para estimar o risco de ter unha complicación, sexa reinfarto, hemorraxia por medicación ou falecer tras sufrir un infarto agudo de miocardio. Despois de estudar 18.000 pacientes, construíuse a calculadora e hoxe é nova de interese mundial. Destaca no traballo a aplicación dunha técnica de intelixencia artificial realizada por Fabrizio Dáscenso, un médico novo de Turín. Esta calculadora permitirá saber a prioridade do nivel de asistencia que require cada paciente segundo o grao de risco que presente, así como o modelo de atención que precisa, presencial ou telemática. En definitiva, axudará a ofrecer tratamentos cada vez máis individualizados para minimizar os riscos e mellorar así os resultados de terapias nos enfermos cun infarto de miocardio.

Un pregúntase cantas novas destas teriamos se houbese unha clara aposta neste campo; así mesmo, obsérvase unha tendencia na falta de investimento naquelas cousas que non deixan resultados inmediatos a pesar das garantías futuras, investimento pero tamén educación, cultura… Soñemos que algún día as cousas muden e alguén se empeñe en reverter isto.