A poucas horas da chegada dos Reis Magos aos fogares dos nosos cativos, tiña lugar a sesión de investidura que elixía ao presidente do goberno español. É certo que o dos debates parlamentarios, que en esencia son necesarios e forman parte da vida política diaria, non son novidade no fondo, mais nesta traxicomedia de comezo de ano era difícil imaxinar a existencia de deputados que optan a gobernar un país. Supoño que este ano os Reis non terían moitas gañas de pasar polo hemiciclo! Peor aínda é ter a sensación de que isto é “tendencia” e o insulto e a esaxeración (sempre coa ollada no caudal de sufraxios) serán a sombra alongada que nos acompañe nos próximos tempos, máis aínda ante a proximidade de eleccións en Galicia. Non nos queda nada!
Einstein dicía que “O exemplo non é unha maneira de educar, é a única” e Confucio foi máis aló cando dixo que “Un cabaleiro debe avergonzarse se as súas palabras son mellores que os seus actos”… Moito discurso e pouco exemplo. Sorprende ver debates públicos nos que se fala de mellorar a educación á vez que se increpa a quen non pensa igual. Cambiar esta imaxe é unha responsabilidade que ten todo aquel que é visible aos ollos dos e das invisibles: a cativa, o que quere aprender, a seguidora, o espectador… vese ben, por exemplo, cantas veces no patio dun colexio se reproduce o peor dalgúns profesionais deportivos que saen na TV? Canta xente fuma porque no seu contorno sempre houbo este hábito? Cantas referencias faltaron no coidado do planeta? Semella pois, que a normalización do negativo exposto ao público non é a mellor obra para ilustrar o camiño dos que veñen detrás. Aínda que sexa por dar exemplo a tanta cativa e cativo, deberían facelo…