E así, cada libro vai entrando en cada fogar e facéndose parte das súas vidas a través das historias e da súa imaxinación: Cocorico, A cebra Camila, Garavanciño, O coelliño Branco, Cando Martiño tivo gañas de mexar na noite de Reis, Moncho e a Mancha, Corre corre, Cabaciña… Ler, reler, rir e observar unha e outra vez cada ilustración como se o libro fose escrito por cada neno ou nena, e como se os seus personaxes fosen xente achegada coa que conversan a diario. E se teñen canción, cantala mil veces; e se teñen filme, xa é top. Literatura espallada a outros campos.
Cos anos aprendemos que calquera idade e calquera momento son bos para rescatar estes fermosos álbums —si, como se soe dicir, de 0 a 99 anos—, e así pasar un bo momento consigo mesmo ou cos demais. O tempo tamén leva a decatarse das aprendizaxes que agochaba cada historia, que non son máis que ensinanzas para momentos da vida cotiá e para facernos mellores persoas.