Tras unha presentación no Ateneo Santa Cecilia de Marín, chega ás miña mans a obra Arrieiros somos, de Rubén Riós. É un libro que nace no peche da pandemia e onde o escritor volta á casa para pasar ese tempo cos seus pais, ambos nacidos pola época dos anos 40. Nese momento incerto, Rubén decátase de que comeza a ser o pai dos seus pais. Este amor ás raíces e a súa mente creativa dan orixe ao libro.
Con todo, Arrieiros somos non só é a historia dos seus ou dunha pandemia, son moitas outras historias de mulleres e homes do noso rural, que impactan no lector levándoo a percorrer o relato fondo das xentes do noso país, a realidade do rural, a emigración, as aldeas despoboadas ou esquecidas, a soidade (esa que Rubén define como a gran pandemia do século XXI), o paso do tempo e unha vivencia diferente á actual. Todo recollido na esencia das cousas e as persoas, na sinxeleza e o amor. Un libro que vén a ser imprescindible para a mocidade e homenaxe para os maiores. Unha obra que quizais resulta dura no conxunto, pero repleta de momentos tenros e agradecidos en cada unha das entrevistas. En resumo, aquilo que Carlos Solla comentaba nunha ocasión, da “urxencia de recoller a historia dos que nos preceden antes de que nos deixen”.
O libro comeza cun prólogo de Benedicta Sánchez, muller coñecida pola película O que arde. Tras este prólogo, o autor achéganos a historias como a de Cecilia Camino, unha muller de Arzúa que con noventa e dous anos mantén todo o sentido, sempre acompañada do seu fillo Manoliño; a de Lola, de Xinzo de Limia, que nos leva a unha pequena homenaxe aos entroidos de Galicia; a historia de Nieves, mostrando a compatibilidade entre coidar un rabaño de ovellas, escribir ou crear un verdadeiro museo… Non vos conto máis, convídovos a ler este libro ou a ver os documentais de cada unha das historias na rede.