Agora que entramos no outono e chega o tempo das castañas e demais froitos da época, achegámonos máis, se cabe, aos nosos montes para beneficiarnos do que estes nos aportan. As árbores que nos ofrecen estes froitos sempre estiveron aí, pero a relación dos humanos con eles non sempre foi a mesma… Con mágoa, observamos en boa parte do noso territorio montes de monocultivo sen orde e sen limpeza. Cómpre lembrar que os montes canto máis biodiversidade teñen, máis ricos son e consérvanse mellor para goce (e vida) de todos: das propias especies, dos animais e das persoas. É , polo tanto, un deber para coas xeracións vindeiras conservar este hábitat.
Non son poucos os beneficios das árbores na nosa vida: a madeira para mobles, para construír ou para quentarnos; a sombra nos días máis calorosos; os froitos durante todo o ano; a absorción do dióxido de carbono, causa do efecto invernadoiro; o control da erosión e a humidade e o fogar de animais e fungos. Coidar os montes non é só cuestión nostálxica.
Por que non coidar, por tanto, ao castiñeiros das castañas, a nogueira das noces ou a abeleira das abelás? Por que non coidar o loureiro que dá sabor ou a oliveira do aceite? O piñeiro das piñas e as súas sementes? O sabugueiro, unha das plantas medicinais máis antigas? O carballo tan típico da nosa paisaxe, que alimenta moitos animais coas landras e ofrece unha madeira de calidade?… Tratemos as árbores igual ca elas nos tratan a nós.