Tras días repensando, lendo e revisando unhas ponencias de Xandre García, psiquiatra, e de Begoña Ibarrola, psicóloga e escritora, gustaríame compartir as miñas humildes conclusións, por se nos serven como sociedade.

É evidente que as formas de crianza e de educación mudaron e que, sen sermos ao mellor conscientes, tendemos á sobreprotección das persoas máis pequenas do fogar. Intentamos que non lles falte nada, que sexan felices —é o noso desexo—, e cortamos autonomía e independencia. Non fomentamos que “se busquen a vida”, que experimenten frustracións como algo normal da vida diaria e adulta para a que se están preparando.

Ao mesmo tempo, estas crianzas de hoxe están sobreprotexidas, pero tamén hiperexixidas: estudos, notas, actividades extraescolares, pintura, xadrez, natación… Queremos que sexan moi boas nas áreas nas que destacan. Un produto exitoso hai anos foron os vídeos de Baby Einstein, e iso reflicte un desexo das persoas adultas.

Como dicía Xandre, chega 2.º de Bacharelato e parece que chega a agonía, a ansiedade, a demostración da valía e o deber de cumprir coas expectativas extrínsecas ademais das propias.

Ao mellor hai que analizar que ese neno ou nena sobreprotexido/a se atopa fronte a unha grande muralla coa sobreexixencia que pedimos —ao mellor sen nomeala, non fai falta poñelo en palabras— pero que eles e elas perciben e senten. E, ademais, resulta que non lles demos ferramentas de resiliencia, de frustración, de superación.

Quizais haxa que repensar en común, como sociedade que se está formando e construíndo.