Boa despedida do 2024 e de chegada dun ano novo. Son datas de ledicias e de nostalxias, de agradecementos polas vivencias e pola vida, de festexar, e tamén de lembrar as persoas que non van ter o privilexio de facer festa, de acender luces, de brindar ou de medrar en paz, como as persoas de Gaza, de Sudán, de Iemen, de Myanmar… Así que, cando naza Xesús de Nazaret, tamén nacerán nenos e nenas en todos eses países, lugares e aldeas. Ogallá poidan conseguir ese desexo de medrar e vivir en paz.
Cada vez hai máis luces artificiais nas rúas, nos edificios, nas tendas e nas casas; árbores máis altas, máis grandes, máis vistosas; cada vez hai máis brillo artificial. A min, e seguramente a vós, gústavos máis o brillo nas olladas das persoas que amamos: das crianzas, das persoas maiores, da nosa familia, amizades e veciñanza, incluso da persoa descoñecida que cruzamos pola rúa. Fagamos o posible por conservar ese brillo, por animar a brillar e por axudar ás persoas a que a súa luz non se apague.