Cando van pasando os anos, máis experiencias acumulamos, saberes, momentos fermosos, e tamén duelos. É inevitable, é a vida mesma; existen loitos que superamos mellor, e outros que nos custan máis, pero, preparámonos para eses momentos?, somos axudados a entender as emocións, a rabia, a dor?

Case todas as persoas lembramos a algún ou algunha compañeira de clase, amiga ou amigo que se foi, cando aínda eramos mozas, cativas, como esa primeira experiencia de perda persoal, non familiar, non compartida no fogar, unha perda a que te enfrontas coas túas iguais, e coma sempre o importante é o acompañamento.

Recentemente, mozos e mozas de 16 e 17 anos, recibiron unha chamada e unha mala nova de perda dun amigo, compañeiro, dunha persoa coa que medraron dende os tres aniños. Nesta ocasión, enfrontábanse a chegar un luns a clase, e observar un pupitre baleiro, un silencio ensordecedor, a falta dun sorriso, dun chiste, dunha frase para unha canción de rap. O colexio, avisou aos proxenitores e explicou o protocolo que ían seguir, adiantou ás familias que ían ter psicólogas a súa disposición, que ían falar do compañeiro, da dor, do duelo, que os compañeiros e compañeiras que quixeran ían ir xuntas a despedirse, a estar xuntas no funeral, e acompañar as cinsas ao cemiterio, que farían unha despedida conxunta, unha despedida acompañada, que ían estar arroupadas e arroupar ao profesorado. Á volta ao colexio, foi un espazo de expresión, de chanto, de lembranzas, de saber que ían seguir os días, que ía ser duro o curso, que unha perda sempre se lembra, e que un amigo sempre estará no teu corazón.

Pasaron moitos anos, dende a perda dun dos meus compañeiros de clase, e naquela ocasión, só houbo silencio…., era un tema tabú, tanto a morte, coma nese caso o suicidio, só un mestre, especial e excéntrico a partes iguais, falou con nós, dounos unha hora para compartir sentimentos incertos e desagradables, e para intentar canalizar a ira, a dor, a perda.

Hoxe en día, avanzamos, e é moi importante acompañarnos mutuamente, aprender a expresarse xuntas e con axuda e apoio. A dor é a mesma, pero si non a choras ou expresas, pesa dentro coma pedras enormes.