Cando se comprende a vida, a interacción coas demais persoas, coma unha rede de interrelacións nas que nos sentimos inmersos/as, e onde existe un recoñecemento da responsabilidade cara aos demais, falamos da ética dos coidados. No noso ciclo vital, sempre imos ter o papel de coidador/a e o de persoa que recibe coidados. Cando nacemos, precisamos dos coidados das persoas da nosa familia; se temos irmás ou familiares máis pequenos adoptamos por momentos o rol de persoa coidadora; se somos proxenitores, tías, tíos, se temos avós, avoas, pais, nais, amizades que precisan coidados, …prestámolos, de diferentes xeitos, en diferentes niveis, pero prestámolos, así coma coidan de nós cando o precisamos.

O papel das persoas coidadoras sustenta a nosa sociedade: coidan das crianzas cando nacen e mentres medran, coidan das persoas enfermas, ou con discapacidade, coidan das persoas maiores. Moitas persoas coidadoras adican a súa vida a proporcionar coidados, acompañamento, axuda, apoio, aínda que agora existan recursos públicos ou libranzas para servizos, coma centros de día, coma ludotecas ou escolas infantís, gabinetes pedagóxicos ou servizo de axuda a domicilio, sempre existe unha ou varias persoas coidadoras, que fan posible o mantemento da persoa na súa contorna, que fan posible os coidados puntuais e os coidados crónicos, en definitiva, que facilitan e fan posible a vida.