A diario as redes sociais e os medios de comunicación lémbrannos e relémbrannos unha festividade ou conmemoración. Temos días e anos mundiais que abordan cuestións importantísimas coa idea de visualizar ou concienciar. Uns achégannos a problemas como pode ser unha enfermidade, a contaminación ou as desigualdades, outras simplemente para recordar un acontecemento, para honrar, divertirse ou festexar… Cito algúns dos máis buscados: día da Muller, da Auga, da Terra, dos Traballadores, do Medio Ambiente, da Alimentación, de San Valentín, da Saúde, do Can, do Libro, do Cancro…
Tamén hai anos mundiais que buscan adoptar medidas que se traduzan en resultados durante os 365 días. Por exemplo, segundo a ONU, este é o Ano Internacional do Desenvolvemento Sostible das Montañas, das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostible, do Vidro e da Pesca e Acuicultura Artesanal.
Agora ben, máis aló das datas citadas anteriormente, nos últimos anos asistimos a unha fervenza de celebracións-conmemoracións máis ou menos lúdicas que, cando menos, resultan sorprendentes. Por exemplo, celebramos o Día do Ioió, de Tecer en Público, dos Malabares, do Pícnic, do Selfi, de Levar o Can ao Traballo, do Pirsin Corporal… Aínda hai máis: o Día de Botar a Lingua, de Andar con Zancos, das Aliñas de Polo, do Mal de Amores, do Fillo do Medio, da Música Estraña, de Falar coma un Pirata, de Ir Andando ao Colexio… e un longo etcétera.
Sen desmerecer o interese da historia que agocha cada un destes días cando menos peculiares, un pregúntase se nunha visión global a cantidade pode facernos perder a calidade (necesidade) e se a abundancia pode crearnos unha especie de síndrome de Stendhal cos días sinalados no calendario.