O incremento de plataformas audiovisuais xunto coas restricións de mobilidade derivadas da actual pandemia trouxo consigo un aumento notable do consumo de audiovisuais nos fogares, tanto nos máis maiores coma nos máis cativos da casa. Esta tendencia, ademais de poñer en xaque as xa “tocadas” salas de cinema, deixa unha vez máis de lado a nosa lingua. Hoxe é case inexistente o galego nas plataformas máis coñecidas, máis en concreto, os cativos cando queren ver debuxos a través delas, apenas poden facelo en galego.

En contraposición, desde A MESA nace a “Iniciativa Xabarín para a programación infantil e xuvenil en galego na TV” e recolle sinaturas por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG. Pídese, así mesmo, que a Xunta de Galicia chegue a acordos con outras administracións para que se poida ofrecer a opción dobrada. Que bo sería que as familias puidesen escoller, cando menos, a lingua dos debuxos das nenas e nenos e puidesen facelo en distintos horarios, como así o permiten as plataformas.

Outra illa moi pequena, pero xeitosa, neste océano lingüístico é o programa “Dígocho eu”, presentado pola xornalista Esther Estévez, que pretende axudar a mellorar o galego. Son vídeos curtiños coa explicación dunha palabra incorrecta para ofrecer de forma divertida a correcta. Este programa vén a recordarnos o “Ben falado” que presentaba Xesús Ferro Ruibal e que se emitía en horario de máxima audiencia na TVG, entre 2008 e 2011.

Xa por último, xirando das plataformas ás redes, é de citar o xesto que tivo o Cádiz CF cando na recente viaxe a Vigo, o 14 de decembro, para enfrontarse ao Celta, nada máis aterrar no aeroporto de Peinador, colgou nas súas redes unha mensaxe en galego que non pasou indiferente. Cousas da lingua.