Os nenos e nenas que hoxe medran serán a sociedade de hoxe e mañá, son o agasallo máis grande da nosa terra. Por iso, as persoas adultas temos unha grande responsabilidade e obriga de coidalos e protexelos, e facelos persoas maduras con crítica e criterio para que voen na súa futura independencia como persoas membros da comunidade sen gaiolas. Celebramos que en Filipinas fora aprobado o proxecto de lei que prohibe os matrimonios antes dos 18 anos e lexisla sobre a igualdade de xénero. Oxalá a sociedade, a lexislación e as familias protexan estas nenas dos matrimonios forzados, e se lles permita medrar libres de violencia como nenas que son. Pero, non hai que viaxar a Filipinas para observar que non se protexe os menores. En España desprotexemos, por exemplo, os menores non acompañados, que primeiro os chamamos MENAS, como se fose unha marca, un estigma, unha tribo urbana homoxénea. Métense en centros de menores sen dotalos de recursos e apoios suficientes e cando cumpren a maioría de idade non todos/as acceden a centros ou recursos de emancipación e quedan abandonados nas rúas, desprotexidos incluso a nivel administrativo, sen documentos, sen permiso de residencia. Quizais os nosos recursos vulneran aínda máis os máis vulnerables, e a sociedade culpabiliza os inocentes e condénaos a ser carne de canón; visualiza o problema nas persoas, non na falta de oportunidades, non nos fallos do sistema e na desprotección continuada que se lle ofrece.