Vivimos a gala dos Premios Dígocho eu! da TVG. Máis aló dos galardóns –sempre estimulantes para os e as participantes–, resultounos unha experiencia fantástica, onde a lingua é a protagonista e arredor dela agroman centos de aprendizaxes. A principal é a ilusión da cativada, que vai recuperando a participación en eventos deste tipo, á vez que deixa atrás a época do confinamento. Falamos dun evento que nace dun programa do que case se pode dicir que medrou á par da pandemia… e non para de medrar. A gala acolleu uns 700 escolares de toda Galicia e deixounos case dúas horas de programa intenso.

Outro espazo que se recupera é o que noutrora ocuparon o Xabarín Club, aínda latente, e series de debuxos animados, dentro do seu espazo, como As bolas do dragón ou Shin Chan…, agora ocupado por Digochiño, un raposiño extrovertido e curioso, ou o programa Dígocho eu!, presentado por Esther Estévez e dirixido por Carlos Amado. Desde o 2020, un programa diario sobre a lingua ensínanos o emprego acertado ou erróneo que facemos das palabras. Desde 2021, escolares, xunto coas súas mestras e mestres, participan no seu concurso; envian guións ou vídeos (dependendo da categoría) que poden resultar finalistas dunha gala final, que ten lugar na véspera das Letras Galegas. Este ano, como novidade, entregáronse premios ás mellores cancións, deixando un feixe de temas chulísimos, que xa canta a rapazada por toda Galicia e que podedes escoitar por distintas canles e aplicacións.

Mil primaveras máis, Dígocho eu!, como diría Cunqueiro.