Millóns de persoas participan nas mobilizacións polo clima en máis de 150 países de todo o mundo. Toda unha chamada de atención para gobernantes e industria contaminante. Tamén para nós e o noso estilo de vida, que ao ano xera toneladas de lixo, moitas veces innecesariamente e outras moitas sen tomarnos a “molestia” de levar os residuos ao punto de reciclaxe correspondente. Estas mobilizacións, posiblemente as maiores da historia, semellan non acadar o mesmo nivel de concienciación en diferentes lugares do planeta. Alemania, sen máis, vén de anunciar un plan de 54 000 millóns de euros para combater a crise climática (cumpriría co acordado para 2030), mentres presidentes doutros países seguen a negar a emerxencia climática.
A concienciación de todos segue a ser o reto, sen esquecer que esta sucumbe ante diferentes intereses globais. Nos centros educativos fanse diferentes campañas e proxectos que procuran chegar a uns rapaces que xa non se poden permitir o desleixo co planeta que tivemos xeracións anteriores, pero que sufrirán (ou sofren) en maior ou menor medida as consecuencias. “Coidarse para poder coidar”, ese convite que tantas veces emprega o amigo Lois Ferradás e que deberiamos colocar nun lugar importante para lembrarmos que, comezando por cada un e polo que nos rodea, poderemos sandar as feridas dun planeta agonizando. Hai esperanza, claro que si, pero determinada polo reloxo. Só desde 1970 ata hoxe perdemos 3 000 millóns de paxaros, especialmente dos máis comúns. No caso dos pardais, tan característicos en toda Galicia, perdemos máis do 90% desde 1950. É, cando menos, para pensalo ben …