O ano pasado a venda de produtos ecolóxicos subiu un 20%. Os andeis das tendas que recollen este tipo de produtos aumentou e hoxe permítenlle ao consumidor achegarse a unha alimentación, en principio, máis sa, sobre todo nas zonas urbanas. Asociado a este dato, tamén vai medrando unha sensibilidade e unha preocupación pola conservación do planeta, respondendo ao aumento de gases de efecto invernadoiro, en concreto de CO2. Estes acadan en 2019 os niveis máis altos na historia. É coma se dous bloques estivesen pisando o mesmo acelerador baixo a ameaza dun reloxo: un pretende adiantarse antes do asubío final; o outro, arrisca a xogar unha posible prórroga. Cambio climático. Xogámonos o futuro e o proxecto en Europa está en marcha: “Non hai planeta B”. Traemos ao “Peto” unhas novas que ben valen para lanzar aos catro ventos: a partir de setembro, as garderías de Barcelona están obrigadas a servir alimentos ecolóxicos e de proximidade; aínda que non o fan de forma corporativa, en Galicia colexios e garderías serven produtos libres de aditivos desde hai tempo; a cooperativa Carqueixa dos Ancares, que reúne uns douscentos gandeiros da zona, aposta, fronte ao despoboamento das súas parroquias, pola venda online de produtos baixo unha xestión respectuosa 100% co medio ambiente; diferentes colectivos, concellos ou escolas organizan xornadas de recollida de plástico nas contornas, combatendo outro dos aspectos preocupantes que atentan contra a conservación do planeta. A reciclaxe aumenta…, hai esperanza.

Deberiamos chegar a non ter que facer recollidas porque xa non emporcallamos e “quitar” as etiquetas ecolóxicas porque logramos que o normal sexa o natural, libre de calquera contaminación. A vida das persoas debe estar por riba da venda dun produto ou outro; as pirámides nutricionais de toda a vida deberían ser ter en conta outro tipo de pirámides de produtos saudables. Por diante temos importantes e, por que non, fermosas tarefas.