Supoño que ultimamente estades escoitando falar disto da economía circular. Aínda que este concepto non é novo, nos últimos tempos converteuse nunha necesidade cara á que deberían camiñar os nosos hábitos diarios e a nosa forma de consumir. Lonxe de parecer un concepto de finanzas, bancos e esas cousas, que tamén teñen que ver, a economía circular comeza en cada un/unha de nós e en cada fogar. Por que un modelo de economía circular? Porque vivimos dentro dun modelo insostible, o modelo lineal, onde mercamos, consumimos e tiramos xerando residuos (pensemos en aparellos como os móbiles, ordenadores, cápsulas das cafeteiras…), o que supón esgotar os recursos do planeta, ademais de contaminar. A natureza, pola contra, non xera residuos porque todo o que chega ao seu fin representa a nova vida doutros seres ou a fertilidade da terra.

Vemos que todos os cumios anuais sobre o clima rematan con máis sombras ca luces, os avances en redución de gases invernadoiros non compren o establecido, o obxectivo de baixar a temperatura do planeta non se acada, que lonxe de reducir, cada vez se consome máis ou que faltan políticas que respondan de maneira urxente á crise climática actual. E resignámonos pensando que non hai moito que facerlle. Pois non! O que contamina fabricar evitámolo deixando de consumir o que non é necesario, podemos estirar a vida das cousas, reempregar, compartir, doar, aproveitar mellor… Podemos facer máis ca agardar un “milagre” por parte dos gobernantes; é máis, é hora de deixar de ser espectadores e dar por asumido que isto depende de cada un/unha de nós e do que a diario facemos. Aínda que escasos, comezamos a ver algúns exemplos empresarias que apostan pola economía circular, vemos as referencias na nova lei educativa, os composteiros nas cidades, xente que aposta por unha mobilidade sostible e vai ao traballo en bicicleta ou andando, xente que aposta polo comercio local, polo aforro da auga e a enerxía. Non hai que velo como un pesadelo, é un fermoso reto que invita a crear alternativas. Que lle pregunten aos antepasados, que levan toda a vida facendo economía circular co cocido: as croquetas.