Din que a tecnoloxía que empregamos, e que ten un oco amplo na nosa vida, quedará obsoleta. Investigadoras como Catherine L´Ecuyer din que, entón, chegarán estudos sobre as bondades e os danos que provoca. A obsolescencia é moi rápida e os estudos científicos lentos. Por iso os danos non teñen volta atrás.
O certo é que moitos somos da xeración que bailou augas entre dous mundos e nese baile dixitalizouse todo… Agora as vidas flúen na instantaneidade da información, na interacción desmesurada e na óptica dos selfis. Camiñamos empregando un smartphone, viaxamos cun libro electrónico, sentámonos a ver o ordenador como antes as noticias na TV, inmortalizamos momentos para subilos á rede, gravamos audios, compartimos memes, enviamos a localización, empregamos unha app para xestionar os electrodomésticos ou para acender a luz da casa, falamos con xente nas antípodas… e véndonos!, pagamos nas tendas co móbil, identificámonos co dedo ou coa cara, espertamos coa alarma do dispositivo, facemos xestións administrativas de forma dixital; rexistramos os nosos “logros” deportivos e ata os latexos do corazón; empregamos o móbil de GPS e de lanterna …
Tamén empregamos tabletas no canto de libros e hai días que superamos as dez horas de pantallas, quedos co móbil e frenéticos sen el, dámoslles o smartphone aos peques para que se entreteñan, xa non temos que movernos tanto, mandamos mensaxes e non quedamos, ou quedamos mentres lles escribimos mensaxes a outros, fotografamos o que temos diante sen chegalo a ver, empregamos filtros para atoparnos guapos ou unha emoticona en vez das palabras. Permanecemos “on” nas redes e “off” no que nos rodea. Caemos ás fontes ou cruzamos sen mirar, levamos farolas por diante ou esquecemos a quen nos está acompañando. Fálase menos. Lemos cincocentas novas certas, ademais das cincocentas non certas; inventamos un slogan, facemos grupos de partidarios e detractores. Entristecemos cando non nos responden ás mensaxes ou temos poucos “gústame”, pero recuperamos a alegría cando sucede o contrario. Chamamos innovación, aínda non mellorando os resultados, ao que se traballa de forma dixital e tranquilízamos saber que os nosos fillos se manexan ben nas tecnoloxías. Todo un mundo con suspense…