A Revolución Industrial trouxo infinidade de avances que afectaron practicamente todo. Un sector especialmente impactado foi o da alimentación, tanto polo proceso de produción como pola maneira de conservar os alimentos. Isto, que supuxo un gran progreso ata hoxe e nos permite ter acceso aos alimentos básicos durante todo o ano —mesmo consumir produtos fóra da súa tempada—, non foi ben aproveitado nas últimas décadas, xa que o produto fresco foi perdendo terreo en favor do “alimento” ultraprocesado.

A isto súmase o uso descontrolado de plástico e as consecuencias que escoitamos nos medios: plástico no mar, microplásticos na chuvia e ata no que expulsamos do corpo… Unha cadea que atenta contra a nosa saúde.

E nesta situación tamén aparece o contrapunto: tendas das nosas vilas e cidades que nos ofrecen produto fresco de proximidade, sen aditivos e co menor impacto medioambiental posible. É dicir, o modus vivendi alimentario das xeracións anteriores ao “alimento de envase”. Produtos de cooperativas, empresas pequenas e non tan pequenas, asociacións… E que pracer é achegarse os días en que reciben o reparto e levar a túa caixiña (non unha bolsa) co leite, cos ovos, co feixe de nabizas, cunhas ceboliñas, cenorias, froita de tempada… Collendo só as unidades que precisas e non unha bolsa ateigada que quizais non chegues a rematar. Adaptándote á terra e á época.

E así vas facendo este ritual semanal, pensando que é un esforzo (ou non) que paga a pena pola saúde, pola terra e polos que virán despois. Motivos máis que suficientes. Como dicía Hipócrates hai 2400 anos: “Que o teu alimento sexa a túa medicina e que a túa medicina sexa o teu alimento”.