Alongando a estela das Letras Galegas deste ano, dedicadas ás cantareiras e, a través delas, á poesía popular galega, non imos deixar pasar por alto unha nova edición da gala dos Premios Dígocho Eu! Cómpre lembrar que este programa naceu durante a pandemia e, posteriormente, deu lugar a un concurso no que escolares de toda Galicia crean as súas ideas e guións sobre aspectos lingüísticos do galego.

Os colexios e institutos finalistas deste concurso (seis de primaria e seis de secundaria) teñen a oportunidade de gravar o seu guión xunto á presentadora Esther Estévez e optar aos premios que se entregan na gala. Pois ben, este ano estes recoñecementos tiveron lugar na semana das Letras Galegas e encheron a Cidade da Cultura con 500 escolares procedentes de distintos puntos xeográficos: A Fonsagrada, Ponteceso, Marín, Vigo, Culleredo, Cerceda, Pontevedra, Ferrol, A Coruña, O Grove e Santiago.

Algunhas das temáticas que presentou o alumnado de primaria foron a climatoloxía, os mariscos e peixes, expresións ferrolás, criaturas mitolóxicas, fonemas conflitivos ou o vocabulario dun aeroporto. Entre as propostas do alumnado de secundaria destacan: Goza coa túa lingua, Foliada, expresións da Costa da Morte, as cores do pelo, Imos ao cine, regatos e regos.

Máis alá dos premios, agradécese que a televisión aposte por programas deste tipo, onde as nenas e nenos gozan da súa lingua e son partícipes directos da súa aprendizaxe, ademais de pasalo pipa. Agradécese tamén esta convocatoria para estudantes de distintos lugares. E agradeceríase, ademais, que programas como este teñan continuidade, tanto na forma como no fondo.

Dende aquí, deséxaselle mil primaveras máis.