Resulta que este outono decidiu retirarse do deporte de alto nivel porque, aos 41 anos, xa non se pode seguir o ritmo que isto esixe e porque, despois de tanto tempo de aquí para alá competindo no tríatlon (nadar, bicicleta e carreira a pé), suponse que un tamén quere gozar da vida e da familia con máis tranquilidade.
Non entraremos en logros deportivos, nin sequera se é o mellor da historia, pero cómpre lembrar certos detalles relevantes. Seguindo a estela doutro galego, Iván Raña, deron a coñecer o tríatlon e hoxe un número importante de rapazada por toda Galicia practica este deporte.
Retiráronlle a licenza por un problema de corazón no ano 99 e, tras mover vento e marea, logrou demostrar que podía competir, recuperando a licenza anos despois. Nese tempo non deixou de adestrar e, ao ano seguinte, foi campión de Europa. Amosou que con esforzo, sacrificio e coidándose moito, se achega á mellor versión dun mesmo.
Iso non lle quitou compatibilizar o adestramento coa súa banda de rock ou correr en rallys. En 2013 gañou o premio Leixaprén, recoñecéndolle a defensa e promoción da lingua galega, ademais de participar en innumerables eventos sociais. Naceu en Basilea, creceu en Ferrol, fíxose campión en Pontevedra, percorreu o mundo e nunca abandonou Galicia. Amosou sempre o apego a esta terra e humildade por riba de todo éxito.
Parabéns, Gómez Noya!!!