Pensei en tentar escribir algo en linguaxe “adolescente” ou da xeración Z; entón, tras a recompilación de datos, traballo de observación de campo etc. (as bibliotecas universitarias e as saídas do instituto son un bo contexto), creo que debo comezar por “Bro”…, de brother!!! Cando te dirixes a alguén, dis “Bro”. Preguntei por que non “Sis”, de sister, máis inclusivo, e explicáronme que non, que só se leva “Bro” (ala, outra vez desaparecidas e invisibilizadas as mulleres!). Despois descubrín que para dar unha explicación de algo que sucedeu, algo que queres etc., dis “En plan… … …” e moitos puntos suspensivos, como que a outra persoa ten que imaxinar; ou “Literal”, que vén sendo “Como cho conto, sabes?” Outra expresión para asegurarte de que con quen interactúas entendeu algo. E se queres afirmar que algo che gusta ou que estás de acordo, dis “De tolos!” ou “Réntame!”, que é algo así como “Vaime ben ese plan, gústame o que dis…” A verdade é que é ata divertido, tes que aprender poucas palabras, como unhas seis ou sete, e pór a cara acorde coa expresión, mentres xesticulas coas mans. Tentei ser observadora participante, mais non se me deu moi ben, utilizo moitas outras verbas que non están de moda e uso as expresións modernas de forma moi forzada. Desistín. Pero polo menos ao escoitalas/os, sabemos que están interactuando e podemos descifrar algún contido!