Hai uns días lía un texto sobre o mandil e a connotación nostálxica das lembranzas dos mandís nas nosas vidas. Compartino coas amizades e unha delas comentoume que a súa nai dicía cando estaba preñada, que parecía que aquel mandil tiña máis espazo onde limparse.
Miña nai non era nin é dese estilo de mandil, é máis de cambio de roupa para as tarefas e de mandil curto e práctico, e máis de coleccionar panos de diferentes cores, tamaños, texturas e clasificacións por valía. Pero si lembro os mandís das miñas avoas, o típico mandil de cruzar, que cubría o corpo, con petos para acumular e longo ata debaixo dos xeonllos.
Unha delas mercábaos na feira, que na miña terra é o “Jueves”, non xoves, Jueves, que é como El Corte Inglés, onde atopabas todo o posible, zapatos, mandil, pixama, plantas ou corchetes. Ese día non baixabas á vila, baixabas ao Jueves. Eses mandís ulían a sopa e caldo, e a fume da cociña de ferro.
Mural de Joseba Muruzábal
A miña outra avoa facía ela mesma mandís que xurdían doutros mandís, teas, antigas saias, camisóns… Era precursora da reciclaxe téxtil: cortaba sen patrón, na man, e cosía sacando sempre o que se propoñía. Ademais de mandís, podías pedir saias, vestidos, petos, que se tiña tea (mercada no Jueves) mirábate, tomaba as medidas coas mans cortaba cosía e tiñas esa prenda esa mesma noite. Eses mandís estaban cheos de agullas con fíos colgando, e de prendedores para pasar as gomas. Despois estaban os mandís de ir á herba, ás patacas ou ao millo. Estes eran multifunción, servían para transportar mazás, un anaco de pan, para limpar a suor, as mans, limpar o sangue das netas cando querían atreverse có podón….
Pois penso que os mandís falan de quen os levan e levaron como uniforme nos longos días de traballo e coidados das mulleres nas nosas historias. Mandil: prenda de vestir práctica, usada para realizar as tarefas, que gardan lembranzas e nostalxias, aromas e cores.