Grazas aos correos dun amigo, descubrín o sociólogo Lipovetsky, un sabio opinando da dimensión política na sociedade e falando de algo moi interesante: o aumento das desigualdades e das aspiracións inmediatas. Unha frase súa que explica moitas cousas, é que “hai pais en paro cuxos fillos/as teñen móbil de último modelo, ipad, zapatillas de luxo, é terrible…”. Ese “é terrible” define o que sentimos moitas persoas ante esa situación que ves acotío. Faiche pensar se é que vivimos a un ritmo tan acelerado e tan da inmediatez que non non paramos a pensar que é o importante, que estou vivindo, sentindo, matinando neste momento. O xigante consumismo envólvenos en posesións efémeras, en compras rápidas, en gastos innecesarios, en fotos cara á galería, e nun baleiro interior que se intenta encher co que está de moda hoxe, porque mañá xa muda, xa cambiou, o teu último modelo de… deixou de selo último, xa é o anterior, xa tes que correr para alcanzar o novo. E os/as máis pequenos/as das casas, o futuro é o que respiran, o que observan, o que cren real; menos mal que hai familias que educan noutros valores, e loitan contra as imposicións da moda, o que todos os da súa idade desexan, o rapaz a rapaza vaino pedir… Se o educas dende pequeno/a en que as cousas non son necesarias, polo feito de que todos os da túa clase, grupo, idade o teñan, de que o importante é ter criterio propio e poder decidir, vai poder aprender que, ás veces, ser diferente pode ser máis orixinal e creativo que seguir as regras marcadas por outros, e que a liberdade non é copiar o que o resto fai, ou opina, ou merca.