Son días de tristura. O 15 de febreiro producíase un naufraxio, o Vila de Pitanxo afundíase no mar de Terranova. O balance, 3 sobreviventes, 9 persoas falecidas e atopadas, 12 persoas desaparecidas e 21 familias desfeitas. A dor das familias é indescritible, inmensa coma o océano, e trala dor tamén chega a carraxe de berrar Nunca máis! E de pedir e de suplicar a busca dos desaparecidos. É ben triste ter que suplicar que, por favor, busquen e non abandonen ao teu fillo, ao teu pai, a túa parella, pero os días foron pasando, Canadá dedicoulles 36 horas, os políticos do Goberno da nación sacaron a foto oficial, puxeron lazos negros, declararon loito oficial… Non queriamos lazos, queriamos accións, tiveron que ser compañeiros, si, mariñeiros que volveron a esas augas e que en lugar de faenar, de gañar o seu soldo, estiveron buscando os amigos e veciños. As persoas de Galiza, de Perú, de Ghana, de Marín, as de mar, de avós mariñeiros, de pai mariñeiro, de cuñado navegando nas augas, sabemos as esperanzas de atopalos, non ignoramos o que é un naufraxio, mais sabemos e sentimos tamén o que é o abandono. E hai que berrar que ten que haber melloras nas condicións dos traballadores do mar e os sindicatos, as cooperativas, deben esixir o total cumprimento de todas as medidas de seguridade e a dignidade do seu traballo e das súas vidas. Levounos o mar, pero tamén os levou o temporal, o mal tempo, o traballo duro e extenuante, a presión de pescar, o arranxo dun barco doutro caladoiro por ser máis beneficioso envialo ca enviar outros máis grandes con máis gastos….

Que descansen en paz, os que teñan sepultura e os que queden no fondo, todos eles que descansen despois dunha vida de esforzo, de traballo e de amor aos seus, pois hai que ser moi xeneroso para levar esa dura vida pola familia.

Engadir, Non á guerra! Non a todas as guerras! Que as persoas teñamos o dereito real de vivir en paz.