Todo parou e sentímonos desprotexidos, nus fronte a un espello no que habitabamos, recollendo dicotomías do que non máis lonxe ca onte, eramos. Nós constrinxidos en nós, afastados por sorpresa, silenciados pola dor de sentirse inocuos. Coñecéndonos. Estarricados pola confusión e os números. Empequenecidos no ralentí dos ritmos frenéticos que nos empurraban sen destino. Encomendándonos. Perdendo os tesouros sen un adeus ou un simple bico. Nós nun, agora que? Agardando en cada alba unha nova alentadora sabendo que alberga letargo. Espertando. Riscando os días desalentados. Recortados. Tapando o fociño e quitando a pel debaixo da billa. Gravándonos por un exceso de pena e unha falta de gloria á vez que fuximos do incerto igual que todos… igual ca todos eles.

Tamén nós agora, atopándonos, quen sabe, nunha nova oportunidade. Mudando “soños” utópicos por soños reais. Freando o corpo para rescatar da morte os andeis de libros ou espazos diáfanos desleixados. Devecendo por deitarse no campo vendo papoulas, ou na area da praia escoitando as ondas do mar; sentindo a quentura do sol ou poñéndolle data, sen peaxes e selfies, a un café compartido. Sinxelezándonos. Escoitando música e creando arte fronte á desesperanza; tirando de humor. Acougando as sereas das terras e os mares. Nós con gañas de entoar coa veciñanza un ondiñas, bella ciao ou bater as mas pola necesidade de sabermos agradecidos sen recibir nada a cambio. Decatándonos das necesidades dos que viven preto. Nós mirándonos quedos e diferentes, raros á vez que acollidos; debullando o sentido das cousas. Meditando, rezando ou lembrando con nostalxia. Nós con alguén ao carón ou sen el pero salvagardando a microcomplicidade que xorde en cada recuncho ou momento. Vivindo xa!

E tamén nós seguros de retomar o voo nun ar limpo. Sandados. Tornando metros por bicos e apertas. Ceibes de contencións e vaidades. Solidarios e solidarias. Colleitando o esencial dos instantes e das persoas; de nós.