Prexuízos; opinións preconcebidas, xeralmente negativa cara a algo ou alguén. Sabemos o que significa, sabemos o que é un prexuízo, pero sabemos detectar os nosos? E unha vez que os detectamos, que facemos? Intentamos desmontalos? Todas as persoas temos prexuízos, en maior ou menor medida, o bo é darse conta e modificar esas opinións e, sobre todo, actuar sen eses prexuízos.
Prexuízos coa xente maior, prexuízos coas persoas sen fogar, coas persoas inmigrantes, coas persoas xitanas, coas solicitantes de asilo…
Tamén temos o prexuízo de que hai países que precisan da nosa bondade para seren “salvados” e ás veces temos a síndrome do salvador branco. De feito, está de moda o “selfie” de voluntaria/o cooperativista que salva, que axuda, que dá e entrega e exhibe esa bondade e xenerosidade. Non hai que estar en contra do cooperativismo internacional, nin da xente que realmente traballa como profesional e presta servizos; si hai que reflexionar sobre esas fotos de famosos e sen ser famosos, que van a países empobrecidos (non países pobres) facer a foto de recoñecemento do seu “buenismo” e desa idea etnocéntrica de que a cultura dun é máis avanzada e pode salvar e facer mellorar a outras persoas, se a seguen.