Sabiades que existen investigadores que falan das pantallas como a cocaína electrónica e a heroína dixital? Pois as pantallas forman parte dunha grave enfermidade de adicción. Hai menores na nosa sociedade padecendo esta grave adicción, ou polo camiño perfecto de padecela… Tamén existen adultos, claro está, “enganchados ás pantallas, redes, imaxes dixitais…”. Persoas que viven nun mundo ficticio, que nos chegou e entrou polos ollos, pola inmediatez, polo aquí e agora, polos soños enganosos dos likes etc. Uso likes a propósito, tamén para darme conta da cantidade de palabras inglesas que a tecnoloxía nos “agasallou” (con ironía). Recoñezo que hai conversas nas que non entendo palabras… ou, mellor dito, non as poño en contexto, mesmo cando accedes a un curso e comezas por streaming, Technological tools, inbox, wireless… Perdoade, pero danme ganas de dicir “Por favor, en galego!!!!!”. Existen estudos sociolóxicos a cerca do cambio nas vivencias das persoas. Cando, por exemplo, fas unha excursión, agora o buscado é facer a foto ideal para Instagram, Facebook, Twiter, Tik tok e as outras tantas que descoñezo os nomes, non estamos buscando o pracer de descubrir un lugar, de gozar dunha posta de sol, de observar un paxaro, de quedares en silencio mirando as ondas do mar, o río, de compartilo con quen viaxas a ese lugar, de recomendárllelo á familia e ás amizades.
Xa moitos de nós, polos traballos e estudos, non podemos prescindir de internet, de programas específicos etc. Tentemos que o noso tempo de descanso, de ocio, sexa máis real, máis vivido, máis reconfortante, e agasallemos con esa realidade ás crianzas.