Inmersas na inhumana humanidade, observamos como o pobo palestino segue sendo asediado, menosprezado, maltratado e asasinado coa impunidade mediática e a impunidade do resto de estados e comunidades. Vivir (sobrevivir) no cárcere ao aire libre máis grande do mundo e agardando a xustiza ética que nunca chega. Acabo de ler que un de cada tres mortos na Franxa de Gaza é un menor. Un titular que lemos e nós seguimos preocupados polas nosas propias vidas privilexiadas dende a óptica da suposta supremacía europea. Hai quen pensa que dende esta parte do mundo…, estamos moi avanzados, somos ¿civilizados? E eses problemas entre xudeus e musulmáns están moi lonxe da nosa prezada intelixencia moral e civilizada. Antes de deixar que os medios de comunicación nos sigan manipulando, debemos facer o labor de reler a historia, de coñecer e recoñecer os abusos de poder e a falta de dereitos humanos continuada. A problemática non naceu hoxe, ten anos de historia, e descoñecela fai caer na explicación sinxela, na dicotomía e na expiación dos pecados do resto de países. Ironía que as persoas palestinas non sexan dun país europeo. Nese caso, abririámoslles as portas (nun primeiro momento…; despois xa o pensariamos, cando deixan de ser noticia, xa ocupan espazo). Coma sempre, hai guerras de primeira e de segunda e terceira, hai persoas que importan moito e outras invisibles. Hai dereitos humanos que non se poden pisar e outros que se poden masacrar a diario. Humanidade para e co pobo de Palestina!