A importancia das persoas que nos rodean, a importancia da familia biolóxica e da familia escollida ao longo da vida. Como seres sociais, necesitamos das outras persoas; vivimos en sociedade, convivimos, e, se temos moita sorte, temos unha familia acolledora, unha familia na que medrar, facernos persoas adultas e convivir, con momentos mellores e momentos máis difíciles, onde mostrar apoio mutuo, con discusións e días mellores, como familias normais, e con amizades que son familia. Pero hai persoíñas, crianzas, que non teñen esa sorte de contar cunha familia biolóxica que poida, que queira, ou que cumpra coas habilidades básicas para protexer e ofrecer unha contorna segura. Por iso é tan importante tamén o papel das familias de acollida, que ofrecen calor de fogar a crianzas que non poden dispoñer del, e das familias adoptantes, que se converten nese apego seguro que as crianzas precisan.

As compañeiras e compañeiros dos servizos sociais, dos equipos de educación familiar, traballan coas familias e interveñen para apoialas e conseguir unha mellor convivencia e un mellor día a día para as/os máis pequenas/os, así como os equipos de profesorado que se involucran nas súas vivencias. Tamén os profesionais sanitarios, en fin, un conxunto de persoas, profesionais, veciñanza e amizades, intentan observar e detectar cando unha persoa menor precisa de apoio, de axuda, cando unha familia, por moitos e diversos motivos, non pode prestar o apego e o fogar necesario para que as crianzas medren e se desenvolvan de xeito saudable na súa vida. As nosas crianzas son a sociedade do presente e do futuro.