Houbo un tempo no que a actividade social e cultural deste país debíase en boa parte ás organizacións veciñais que había en cada lugar. Era máis frecuente vencellar a vida do pobo a unha asociación ca á administración local, sobre todo no aspecto cultural (no que había o interese que había). E é que noutrora existía un compromiso mesturado entre a identidade co lugar e a necesidade de militar naquilo que nos unía e polo que valía a pena pelexar. Isto, co tempo, foise esvaecendo, aínda que afortunadamente segue habendo universos únicos: estades lendo un artigo dunha revista de máis de 40 anos, dunha asociación que tamén ten máis de 40 anos; o certo é que xa non é o común.
Da miña nai ben recordo as militancias: a coral, as cousas da parroquia, os grupos de teatro, as festas, a participación nas celebracións… e, coma no seu caso, tamén estaba o de moitas veciñas e veciños que, penso, atopaban unha dose de felicidade en facer para que o pobo tivese vida e para que todos gozásemos do noso.
Hai que dicir que detrás dos colectivos tamén adoitaba haber unha persoa capaz de crear, liderar ou empurrar aos demais. Intúo as causas do baixón precisamente nesa falta de “líderes”, na burocracia abafante, na perda de poboación, na perda de interese de pertencer e militar, no ritmo frenético que levamos, no confort persoal, na globalización… Non sabería dicir con exactitude… O que si podo dicir é que se bota en falta tanto e tanto colectivo, asociación, xuntanza ou o como queirades chamarlle.
Así, con todo, loanzas para aquelas asociacións que viven e sobreviven e tamén para aquelas que son novas (que tamén as hai).