Vivimos e traballamos ao carón dun mar que durante moito tempo foi o motor económico directo de moitas familias e indirectamente de moitas outras. Un mar que nos define. Descoñezo os datos científicos exactos para saber que factores principais están prexudicándoo, máis alá do que se escoita: cambio climático, toxinas, especies invasoras… Pero si estou convencido de que nas nosas mans está o poder coidalo doutro xeito e ver que resultados traería. Vémolo cando se fan tarefas de limpeza: moreas de lixo acumulado por un lado e por outro!
Por exemplo, o 15 de marzo saía na prensa unha nova que dicía que submarinistas da Illa de Arousa, acompañados de 49 persoas e 13 embarcacións, recolleran máis de 2.500 kg de lixo no fondo mariño do contorno dos Guidoiros. Redes, rodas, nasas e cabos foron algúns dos elementos recollidos. Só nun pequeno contorno había esta cantidade de lixo. Querido Peto, imaxina que un día xa non temos que limpar, porque deixamos de emporcar.