Cando chegou a pandemia, Pontevedra celebraba unha nova edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Como o resto de eventos, tivo que pechar tras o estado de alarma, tan só 5 días despois da apertura. Aínda así, coa que estaba caendo, precisou outros 5 días para reaparecer a través das redes sociais e lograr aliviarlle o confinamento ás familias, en especial á cativada. Pasou a ser o Salón virtual e dous meses despois, aló polas Letras Galegas, alcanzaría a 150 000 mil persoas a través das propias redes. Isto permitiu que, ademais do público galego, tamén houbese xente doutros países seguindo os 120 espectáculos publicados.
O Salón do Libro volveu a abrir as súas portas este ano e supón unha moi boa nova: primeiro, porque todos precisamos a volta á cultura, moi esquecida no último ano, e os espectáculos que albergan nos programas; segundo, porque nos lembra que os libros foron, son e serán sempre unha boa opción para acompañarnos e alimentarnos de coñecementos, á vez que nos entretemos.
Esta nova edición do Salón do Libro, que supón a XXII, abriu as súas portas o 23 de abril e acompañaranos ata o 9 de maio. Tratará temas como o medio ambiente, a ecoloxía e o cambio climático baixo o título de Emerxencia literaria: os libros salvan o planeta. O propio planeta será este ano o “país” convidado onde serán homenaxeados Helena Villar Janeiro, como escritora, e Kiko Dasilva, como ilustrador. Loxicamente esta edición segue condicionada pola situación actual e presenta un programa anticovid. Como novidade, sairá da exclusividade do Pazo da Cultura e achegarase a lugares da cidade e a outras parroquias. Terá tamén a súa parte virtual. É de festexar, por tanto, este necesario espallamento cultural e desexarlle longa vida a un evento que moita xente ten como cita principal na súa axenda anual.